O PSdeG reclama no Parlamento que a Xunta solucione os «graves problemas» do IES Fernando Blanco de Cee

Margarita Lamela, alcaldesa_Concello de Cee.

O PSdeG-PSOE rexistra unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para que a Consellería de Educación da Xunta solucione os «graves problemas» do IES Fernando Blanco de Cee, «estruturais, eléctricos, térmicos e de seguridade».

Con isto, en palabras da deputada Patricia Iglesias, o Grupo Parlamentario Socialista busca ser «a voz tanto da dirección do centro como da comunidade educativa e da ANPA», ao falar dun instituto «tan relevante na vila de Cee e en toda a comarca».

«A seguridade do alumnado e do profesorado non poden esperar, o IES Fernando Blanco é parte esencial da historia deste municipio, de toda a comarca, do noso futuro», afirma Iglesias, que incide en que «defender este centro é defender a educación pública en maiúsculas e o dereito da nosa mocidade a estudar en condicións dignas».

“Como alcaldesa de Cee quero trasladar unha mensaxe clara: a seguridade do alumnado e do profesorado do IES Fernando Blanco é absolutamente prioritaria e non admite demoras», afirma pola súa banda a rexedora socialista da localidade Margot Lamela.

«Nada máis ter coñecemento dos graves problemas existentes no centro, púxenme en contacto coa súa directora e solicitei de inmediato unha reunión urxente co Conselleiro de Educación, o Director Territorial e a Inspección Educativa», explica a alcaldesa. «Aínda sendo unha competencia directa da Xunta de Galicia, desde o Concello imos estar vixiantes e activos ata que haxa solucións reais», engade.

Lamela subliña que «o IES Fernando Blanco non é só un centro educativo», xa que é «unha peza clave para o futuro da nosa mocidade». «Non podemos permitir que se deteriore nin que se poñan en risco as condicións nas que estudan e traballan», apunta.

Para a rexedora, «defender este instituto é defender a educación pública e o dereito das nosas rapazas e rapaces a formarse en espazos seguros e dignos». «Desde o Concello esiximos respostas inmediatas e compromisos concretos por parte da Xunta. Cee non vai mirar para outro lado», conclúe.

As iniciativas parlamentarias socialistas instan a «executar de maneira inmediata as obras necesarias para reparar os tellados do edificio principal, eliminando as filtracións de auga e garantindo a seguridade das aulas». Tamén a «retirar e substituír a cuberta exterior deteriorada que conecta os distintos edificios do centro, eliminando materiais perigosos e garantindo condicións seguras de tránsito.

Buscan así mesmo corrixir as deficiencias do sistema eléctrico, adaptar a iluminación exterior ás condicións de humidade do centro, modernizar o sistema de climatización, adoptar medidas para reducir a masificación das aulas e adecuar os espazos docentes á normativa vixente, cubrir de forma inmediata a praza vacante de conserxería e actuar sobre a seguridade viaria na contorna do instituto.

Related posts

O Concello da Laracha desminte as afirmacións do PSOE local sobre o estado da contorna do CEIP Otero Pedrayo

Maica Gorgal visitou o IES Maximino Romero de Lema de Baio onde presentou a súa obra ‘A casa da mina’

Ecoloxistas en Acción presenta denuncia penal polo vertido tóxico das balsas da mina de Monte Neme