O PSdeG reclama o inicio dos trámites para adxudicar a construción do segundo tramo da autovía da Costa da Morte

Cedida.

A deputada socialista Patricia Iglesias reclamoulle este martes á Xunta que inicie de xeito inmediato os trámites necesarios para adxudicar a construción do segundo tramo da autovía da Costa da Morte, que conecta Baio con Vimianzo e Berdoias. Na defensa dunha iniciativa no pleno do Parlamento galego, denunciou “a incoherencia” do Goberno de Rueda e “o abandono” ao que ten sometidas “dúas comarcas enteiras”: Bergantiños e a Costa da Morte.

Iglesias recordou que a veciñanza da zona “leva vinte anos esperando o que lle foi prometido reiteradamente por varios gobernos do PP” e que soporta portaxes “inxustas, discriminatorias e cada vez máis caras entre Carballo e A Coruña”.

 Criticou tamén o “engano” do PP tras rescindir o contrato que adxudicara o Goberno de Touriño e impulsar unha nova licitación por 395 millóns máis. Lembrou que o procedemento acabou xudicializado porque a mellor oferta foi excluída, tras o que cesou a directora xeral de Infraestruturas e abriuse unha nova licitación en 2011. “O resultado cal foi? Que dos 42 quilómetros proxectados, só se executaron 27 porque a Xunta de Feijoo lle perdoou á empresa adxudicataria os últimos 15, cun recorte do 35 % do trazado, pero aforrando só un 17 % do custe previsto”, explicou.

Para a deputada socialista, ese é o rexumo dunha “mala xestión, falta de vontade política e converter a Costa da Morte nunha comarca de segunda”. O último treito que se abriu ao tráfico entrou en servizo en 2016, e desde entón “anuncios, proxectos redactados, partidas ridículas nos orzamentos e cero avances”.

Ao mesmo tempo, os usuarios da AG-55, a primeira parte da vía, entre A Coruña e Carballo, mantén unhas peaxes que non contan con bonificacións significativas, moi lonxe das que o Goberno central aplica á AP-9 e a AP-53, de ata un 75 % para os viaxeiros recorrentes. “Como poden vir aquí falar da autoestrada do Atlántico e da súa transferencia cando nas autoestradas que xestionan vostedes non aplican esas bonificacións?”, preguntoulles Iglesias aos deputados populares. Con ese xeito de actuar, a Xunta está creando “galegos de primeira e galegos de segunda”, advertiu.

Por iso, a parlamentaria do PSdeG demandoulle ao Goberno de Rueda “coherencia, congruencia e igualdade para os galegos e as galegas”, e “que dea exemplo” levantando as peaxes que está cobrando na AG-55 ou, cando menos, rebaixándoas “exactamente coas mesmas condicións” que ten establecidas o Ministerio de Transportes nas vías da rede estatal.

“O que non pode ser é pedir para arriba e negar para abaixo, queixarse ao Estado e cobrar portaxes abusivas na súa propia autoestrada”, dixo sobre as políticas da Xunta en materia de autoestradas. “A Costa da Morte non pide privilexios. Pide algo básico: ser tratada con respecto, con xustiza e con igualdade”, afirmou.

 

Related posts

Unha agrupación industrial do motor planea instalarse no polígono da Laracha, con 600 empregos

Máis de 800 alumnos da Laracha desfrutaron do festival de teatro infantil en horario lectivo

34 promesas da moda participarán no XXXII Concurso de Noveis Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas