O PSdeG reclama un plan de acción para a recuperación de servizos no hospital de Cee

Hospital de Cee.

A parlamentaria socialista Begoña Rodríguez Rumbo vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que consensúe co goberno de Cee un Plan de acción para recuperar os servizos do Hospital Virxe da Xunqueira. Alerta da “mingua importante” nos servizos do hospital durante os últimos meses, nos que “cada día son máis graves e hai novas necesidades”.

Explicou que dende o mes de agosto xa non hai dermatólogo no Hospital, polo que os pacientes de Dermatoloxía están obrigados a desprazarse ao hospital de referencia. Outros servizos “tenden a desaparecer”, como o caso de Medicina Preventiva, onde só conta “de forma esporádica e non programada” cunha profesional desprazada dende A Coruña, e Otorrinolaringoloxía pasou de constituír un servizo a tempo completo a só atender dous días á semana.

A responsable socialista reclámalle ao Sergas que recupere estes tres servizos, ademais de ampliar o servizo de Reanimación a tempo completo, incorporar unha nova quenda de hemodiálise, implantar o servizo de Cardioloxía ou ampliar Dixestivo. O Grupo Socialista leva ao Parlamento as peticións aprobadas polo Pleno da Corporación Municipal, que inclúen tamén que a Consellería de Sanidade cumpra co compromiso de limpar a fachada do Hospital.

Rodríguez Rumbo reclámalle á Xunta que se reúna cos representantes do goberno municipal de Cee para elaborar un plan de acción con orzamentos e prazos de execución que dean solucións a esta situación, tal e como están a reclamar tanto os profesionais sanitarios como as persoas usuarias do hospital.