O PSdeG reclama unha rehabilitación integral do CPI de Zas

2 minutes read

O PSdeG-PSOE de Zas reuniuse no Parlamento de Galicia co Grupo Parlamentario Socialista para trasladarlle as demandas da comunidade educativa do CPI de Zas, despois de reunirse coa ANPA de dito centro. 

A voceira socialista de Zas, Sheila Rial, participou na reunión xunto á deputada Patricia Iglesias e o deputado Aitor Bouza, coa fin de que estes traten no Parlamento as problemáticas deste centro educativo e reclamen solucións á Consellería de Educación. 

«Non se lle pode pasar a pelota as ANPAS nin ao centro, hai que darlles voz, e por iso estou aquí, reivindicando que o que fai falta é que a Xunta de Galicia realice unha rehabilitación integral no centro acorde as necesidades demandadas pola comunidade educativa», explica Rial. 

No Parlamento, ademáis de entregar un informe «con todas as necesidades urxentes», solicitoulle ao Grupo Socialista que as eleven ao pleno para que se teñan en conta nos orzamentos galegos, xa que «é hora de que Zas conte con partidas presupuestarias, porque hai necesidades moi grandes». 

Patricia Iglesias e Aitor Bouza anunciaron pola súa banda que presentarán unha batería de iniciativas para tratar estes requerimentos, «polos que a comunidade educativa de Zas leva tanto tempo loitando». 

Sheila Rial está tendo contacto coas ANPAS dos demais centros educativos de Zas de cara a manter encontros ao longo de todo curso, para levar as súas reivindicacións ao pleno e á Consellería e facer seguimento dos seus obxectivos. 

«Quero agradecer ás ANPAS que se reúnan conmigo e dean a coñecer as necesidades educativas dos centros do municipio, así como o labor tan importante que fan, seguirei traballando arreo para que sexan escoitadas», engade a socialista. 

Pola súa banda, Patricia Iglesias lamentou que o CPI de Zas estea nun «estado lamentable», con goteiras, humidades e outras problemáticas que afectan directamente ao alumnado do centro. 

A deputada socialista afirmou que busca darlle voz «a esa comunidade educativa no Parlamento», presentando unha batería de iniciativas para reclamar «o que é de xustiza, unha reforma integral digna para o CPI de ZAS».