O PSdeG reclámalle ao PP que respalde no Congreso as medidas de apoio ao marisqueo en Camariñas 

2 minutes read

O PSdeG-PSOE denuncia o «abandono» do sector marisqueiro de Camariñas e da Costa da Morte por parte do Partido Popular e a Xunta e reclámalles que apoie no Congreso dos Deputados a iniciativa socialista para eximir a mariscadoras e mariscadores de pagar as cotas de Seguridade Social.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, criticou a maneira de actuar da deputada autonómica do PP Paula Mouzo: «Moito demandar ó Estado, pero cando se trata de demandar a Xunta baixa a cabeza»

«A situación do marisqueo de Camariñas non é como a do resto de Galicia, necesita unha solución única» afirma a rexedora socialista.

Pola súa banda, Patricia Iglesias, deputada socialista no Parlamento de Galicia, sinalou que «en Camariñas non fallou o mar, fallou a Xunta». «Son anos de abandono, anos de mirar para outro lado cos bancos marisqueiros no concello de Camariñas e nas rías da Costa da Morte» apuntou.

«A Xunta de Galicia, é importante poñelo de manifesto, ten as competencias exclusivas en marisqueo e na xestión das rías», salienta Iglesias, que critica que o Goberno da Xunta «deixou pasar anos e meses sen actuar mentres o sector avisaba dunha situación absolutamente límite».

A socialista lembra que en decembro deste ano «xa se advertía do colapso, e mentres tanto o goberno galego non fixo nada, mirar para outro lado». «Iso non é unha crise inevitable, é só un abandono, unha política de brazos caídos», lamentou.

«Cando reaccionaron, fixérono tarde e mal, con anuncios confusos, con cambios de criterio, ningunha solución real para as mariscadoras de Camariñas» denuncia Iglesias.

Subliñou que o Goberno de España «puxo enriba da mesa unha medida concreta que o sector levaba tempo reclamando»: presentou no Congreso dos Deputados unha modificación lexislativa para eximir ás mariscadoras de pagar as cotas de seguridade social, con efectos retroactivos mentres dure a paralización de actividade.

«Agora xa non hai escusas, e a responsabilidade é do goberno galego, é do señor Rueda e dos deputados, ademais, galegos do PP no Congreso en Madrid» indica a parlamentaria. «Terán que decidir se están coas mariscadoras galegas e do concello de Camariñas ou se seguen dándolle as costas», destaca.

«Pedimos, por tanto, dende o Partido Socialista de Galicia un plan específico e integral para o marisqueo da ría de Camariñas e axudas directas específicas para este banco», conclúe.