O PSdeG sinala que a Xunta deixa sen orzamento as obras da dársena de Malpica

2 minutes read

A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, advertiu que os Orzamentos da Xunta para 2023 volven deixar fora as obras de mellora da seguridade na dársena de Malpica, a mellora da nave de redeiras e da Lonxa do Porto. Otero presentou unha iniciativa parlamentaria na Comisión de Pesca para reclamarlle á Xunta que inclúa nos Orzamentos estas obras pendentes, pero foi rexeitada polo PP.

Explicou que o goberno galego tan só dedica 25.776 euros ás obras de mellora da dársena interior do Porto de Malpica, o que cualificou de “ridículo para a seguridade e un insulto para os mariñeiros”, que en decembro de 2018 vían como morría un dos seus compañeiros na dita dársena. Lamentou que a pesares dos continuos anuncios do goberno galego “seguimos sen saber nada” nin da ampliación do dique de abrigo nin do apuntalamento da dársena.

Acusou ao goberno galego de “xogar coa vida dos mariñeiros” logo de 4 anos do accidente mortal no porto, durante os que tanto Portos de Galicia como o goberno galego “deron largas”, malia que no PSdeG “comportámonos con responsabilidade e moita paciencia, pero a paciencia ten límites”.

Ademais, sinalou que o goberno galego non destina un só euro á mellora das instalacións do edificio da Lonxa e da nave de redeiras, para resolver os problemas coa cuberta, a construción de aseos ou o portalón de peche. Otero considera “necesario e de xustiza” que estas traballadoras conten cunhas instalacións dignas nas que traballar, “onde non chova nin morran de frío” e que poidan contar con “duchas e baños decentes”.

Lembrou que Portos de Galicia ten como competencias propias a conservación e mellora das zonas de servizos, e entre as funcións asignadas están a planificación, proxección, execución e conservación de obras e instalacións. Sinalou que onte mesmo presentaron o remate das obras de mellora da nave da flota de arrastre de Celeiro, que “benvidas sexan, pero non entendemos por que non se poden facer tamén en Malpica”.

Acusou ao PP de buscar escusas para rexeitar esta iniciativa logo de presentar unha emenda botándolle a responsabilidade á Confraría e despois de artellar a “escusa” de que falta un suposto título administrativo que “non facía falta en xaneiro deste ano nin en 2021.