O PSdeG urxe a Feijóo a clarificar o número de mortos en residencias galegas

Cedida.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou este xoves a Feijóo que compareza no Parlamento para avaliar a evolución do coronavirus en Galicia, posto que no último mes unicamente acudiu á Cámara nunha ocasión a pesares da “gravidade” da crise.

“Feijóo ten que comparecer cando menos cada 15 días”, sostivo o líder socialista, toda vez que ese sería o calendario ao que tería que cinguirse se o Parlamento estivese en plenitude de funcionamento. Pedro Sánchez compareceu no Congreso en tres ocasións e Feijóo soamente unha.  “E coa Cámara disolta, Feijóo tería que ser aínda máis coidadoso”, argumentou Caballero.

En paralelo, Gonzalo Caballero urxiu á Xunta a que clarifique o número de falecementos en residencias de maiores, tendo en conta as persoas que perderon a vida sen ter confirmado o contaxio do Covid-19.

Sen querer “crear alarmismo”, o líder do PSdeG sinalou que “somos a voz das familias que non están sendo atendidas pola Xunta de xeito adecuado” e que, en moitas ocasións, séntense “abandonadas” polo goberno galego.