O portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, esixiulle a Medio Rural que “se poñan a traballar e fagan algo” en apoio ao sector agrario galego. Así o dixo na comparecencia do titular desta Consellería, no Parlamento de Galicia, para dar conta da situación do sector fronte á crise logo de que, como sinalou Seco “non saíra publicado no DOG nin un só euro propio en axuda aos nosos produtores”.
Lembrou que a Xunta conta con competencias exclusivas en materia de Medio Rural, que o responsable do departamento utiliza para alertar da “desaparición do sector gandeiro”, pero “sen poñer enriba da mesa nin unha soa medida do goberno galego para axudar ao sector agrario”. Lamentou que “todo un goberno se amosa como unha simple entidade financeira, que o único que pode aportar ao sector gandeiro é avalar préstamos e pagar os intereses de adiantos da PAC”.
Esixiulle ao goberno galego que “se poñan a traballar e fagan algo por tomar medidas económicas de apoio aos sectores produtivos, aumenten a base territorial, garantan o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, e impulsen os nosos produtos de gran calidade para mellorar a balanza alimentaria” porque “sinxelamente, o sector agrario non pode agardar”, concluíu Seco.