O PSdeG urxe á Xunta a acondicionar as instalacións do IES Manuel Murguía de Arteixo


O parlamentario socialista Martín Seco reclamoulle á Xunta que comece co acondicionamento das instalacións do IES Manuel Murguía de Arteixo, actualmente nun estado “lamentable” e con risco para a seguridade dos alumnos e alumnas. Seco presentou unha proposición non de Lei para reclamar estas actuacións, ademais da construción dun novo centro de educación Primaria e Secundaria, que foi rexeitado polo PP.

Alertou da necesidade urxente de reformar as instalacións, que “amosan un aspecto lamentable e atópanse nunha situación vergoñenta por mor do desleixo da administración autonómica”. Seco enumerou as deficiencias do centro, sinaladamente cunhas instalacións deportivas en pésimas condicións e o edificio sur precisa da renovación da cuberta e das fiestras, mentres 3 de cada dez están pechadas para que non caian ao patio.

O centro, continuou, necesita un investimento urxente para a mellora enerxética, e as melloras tiveron que ser asumidas polo propio centro, sinaladamente para eliminar as fochancas da explanada de acceso, a instalación de cámaras de seguridade no perímetro ou o pintado do edificio anexo, que se utiliza como sección da escola de idiomas da Coruña.

Martín Seco sinalou que no curso 21/22 “temos 960 alumnos, 50 máis que o ano pasado e preto de 100 máis que hai dous, que son atendidos por 75 docentes, 19 menos que no ano pasado e só un máis que fai dous anos”.

Ademais, o centro tan só dispón dunha única orientadora para preto de 1.000 alumnos e alumnas, o que provoca que en determinados momentos sexa imposible cumprir coas ratios de gardas nos patios, que a biblioteca non poida abrir nos recreos e que se reduza a atención aos rapaces.