O PSdeG urxe melloras nas estradas autonómicas que comunican con Val do Dubra e Santa Comba

1 minutes read

A deputada socialista pola provincia da Coruña, Noa Díaz, vén de esixir á Xunta unha “mellora urxente” nas estradas autonómicas AC-406 e AC-453 en Val do Dubra. Fíxoo, logo de visitar a zona xunto aos responsables socialistas no municipio e presentar unha batería de iniciativas neste senso.

“A AC-406 que comunica Santa Comba con Portomouro precisa, ao seu paso por Paramos, dunha obra que dote de maior seguridade ese núcleo de poboación, xa que carece de beirarrúas e os vehículos circulan a gran velocidade por unha estrada con varias curvas sen visibilidade e mesmo cunha parada de transporte escolar”, denunciou a voceira socialista.

Por outra banda, Díaz censurou a situación da estrada AC-454 que une Portomouro con Roxos, “vía indispensable de comunicación” para a veciñanza dubresa, xa que “precisa dunha mellora integral dada a súa antigüidade e a elevada intensidade de tráfico pesado que soporta cada día”.

“Sabemos polos medios de comunicación que a Xunta vai realizar actuacións nalgunhas estradas, entre elas a AC-453”, pero “descoñecemos se esas obras terán como referencia o proxecto de hai dez anos, cando está previsto realizalas e se contempla o ancheamento da estrada nalgún dos seus tramos”, concluíu a socialista, quen pediu unha solución urxente para as dúas estradas.