O PSdeG urxe o arranxo das pistas da concentración parcelaria en Tordoia


A deputada santiaguesa Noa Díaz demandou á Xunta a financiar o arranxo das pistas das concentracións parcelarias de Gorgullos e Viladabade, en Tordoia, onde mantivo unha xuntanza co voceiro municipal socialista, Tomás Castro.

“Esta cuestión é prioritaria para o municipio de Tordoia, xa que as reorganizacións parcelarias datan de finais dos anos 60 e, durante todo este tempo, estiveron abandonadas tanto polo concello como pola Xunta”, sentenciou a responsable socialista.

Ao fío disto, a socialista denunciou o “desleixo” do goberno galego con respecto aos concellos do rural, onde “as vías de comunicación son vitais para poder traballar as parcelas de alta importancia agraria”, como é o caso de Tordoia, onde “a actividade agrícola e gandeira constitúe o sustento principal da economía de moitas familias e a produción láctea é das máis importantes de Galicia”.

Neste sentido, Díaz sinalou que o Grupo Socialista xa presentara emendas aos orzamentos da Xunta de 2022 “para pór fin a este abandono e urxirlle a que leve a cabo unha inversión imprescindible para o desenvolvemento económico” de moitos municipios. Agora, avanzou, o PSdeG levará ao Parlamento unha batería de iniciativas para axilizar esta cuestión.