O PSdG esíxelle á Xunta que garanta a actividade de Ferroatlántica

2 minutes read
  • O PSdG tamén lle reclamará á Xunta que tome medidas para regular o exceso de velocidade no tramo comprendido entre A Telleira e O Cancelo do Medio da estrada AC-552, no Concello de Laracha

A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, esixiulle este mércores á Xunta de Galicia que garanta a continuidade da actividade de Ferroatlántica en Cee e Dumbría. Rodríguez Rumbo presentou unha pregunta oral en Comisión na que lembrou que a venda do Grupo debe manter as obrigas sobre as concesións hidroeléctricas do Xallas.

A parlamentaria socialista sinalou que a Xunta ten a obriga de garantir o cumprimento da “condición esencial de non segregación da produción de ferroaliaxes e de enerxía eléctrica nas centrais”. Sinalou neste sentido, en alusión a un informe da Universidade de A Coruña, que o proceso de venda debe ser autorizado “previa a expresamente” por Augas de Galicia, e que “non basta cunha comunicación á administración”.

Rodríguez Rumbo sinalou precisamente que Augas de Galicia “ten a obriga de pronunciarse sobre se o negocio xurídico de Ferroatlántica está suxeito á autorización previa do organismo, e se iso conleva a presentación dun Plan de Viabilidade que garanta a actividade das ferroaliaxes”, como entendeu xa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia tamén lle reclamará á Xunta que regule o exceso de velocidad nun tramo do concello de A Laracha.

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, presentará na Comisión de Ordenación Territorial que se celebrará mañá xoves a partir das 10:30 h., unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que tome medidas para regular o exceso de velocidade no tramo comprendido entre A Telleira e O Cancelo do Medio da estrada AC-552 do Concello de Laracha.

Desde o PSdG queren establecer unha limitación de velocidade entre o punto quilométrico 22 e 23 da estrada autonómica AC-552 que garanta a seguridade dos peóns, e tamén instalar elementos que fagan necesaria a redución de velocidade no tramo sinalado.