O PSOE acusa á Xunta de non apostar pola homologación do «Camiño dos faros»

1 minutes read
  • Martín Seco reclama a constitución dunha Mesa de Traballo para desbloquear un proxecto vital para a Costa da Morte

O parlamentario socialista Martín Seco pídelle á Xunta de Galicia que desbloquee a homologación do Camiño dos Faros, un percorrido turístico de 200 quilómetros de costa entre Malpica e Fisterra. Seco presentou unha pregunta oral en Comisión para reclamarlle ao goberno galego que dé solucións á iniciativa da Asociación Camiño dos Faros que implica cada ano a miles de persoas.

Segundo expuxo o socialista, a asociación promotora do percorrido ten respondido en maio de 2019 á petición dun estudo de impacto ambiental que lle trasladou o goberno galego, pero levan máis de 17 meses agardando pola resposta. Ademais, a entidade decidiu desvincularse da figura de promotor ao advertir que os inconvintes e problemas para a homologación como ruta de gran recorrido “non son de trazado, senón por motivacións políticas”, destacou Seco. Un destes exemplos son os problemas rexistrados cos titulares de dez leiras privadas do total das 1.532 que atravesa o camiño.

Mesa de Traballo

O responsable socialista tamén lle reclamou ao goberno galego a constitución dunha Mesa de Traballo coa Deputación de A Coruña, os alcaldes dos 9 concellos polos que transcorre o Camiño, a Asociación de turismo da Costa da Morte e a Asociación Camiño dos Faros.

O obxectivo debe ser, dixo, “conseguir a homologación do Camiño e planificar o futuro dunha actividade de vital importancia para Bergantiños e a Costa da Morte”. Unha ruta comercializada por axencias de Inglaterra e Alemaña, e que ten aparecido en publicacións como Forbes ou o Washington Post.