A pesar de que nas últimas eleccións xerais o PP foi o partido máis votado, refutando a estimación de voto do CIS de apenas unha semana antes, o instituto que preside o exdirixente socialista José Félix Tezanos mantén as súas tendencias e non só dá a volta ao resultado do 23J, senón que aumenta a 1,8 puntos a vantaxe do PSOE sobre o PP. No publicado este xoves, correspondente ao mes de setembro, apunta a que, se se celebrasen de novo eleccións xerais en España, o PSOE sería o partido máis votado cun 33,5% dos votos, por diante do PP, cun 31,7%. A maior corrección respecto ás súas anteriores estimacións aplícalla á coalición de Sumar, que se esborrallaría 3,6 puntos respecto a xullo, caendo dun 15,5% de estimación de voto a un 11,9%, non moi lonxe en realidade do resultado que obtivo nas urnas o 23 de xullo, un 12,3%. É a primeira estimación de voto que reflicte o Centro de Investigacións Sociolóxicas tras as eleccións xerais do pasado 23 de xullo.
0