- Os socialistas presentaran unha moción ao respecto en xullo do 2019 que fora aprobada por unha ampla maioría
O PSOE de Carballo, baixo a súa voceira María Carmen Vila Blanco, levará ao próximo pleno unha pregunta referente á creación de prazas de aparcamento públicas reservadas especificamente para mulleres embarazadas ou familias que transporten bebés. Este tema non é nada novo, pois a formación socialista xa presentara en xullo do 2019 unha moción para dita actuación que, ademais, fora aprobada no pleno municipal por unha ampla maioría.
«Case dous anos máis tarde esta iniciativa, pioneira no seu momento do que nos sentimos particularmente orgullosos, segue se desenvolverse no noso concello; mentres que observamos que son varias as cidades de todo o Estado que comezan a aplicala a pesar de tomar a iniciativa con moita posterioridade», sinala Vila Blanco. Por proximidade cita a cidade de Ferrol que a «incluirá na súa nova ordenanza de tráfico, que actualmente se atopa en fase de aprobación por parte do pleno».
Así, os socialistas preguntarán na próxima sesión ordinaria cal é o motivo polo que esta moción non se converteu nunha realidade 34 meses despois da súa aprobación e en que estado se atopa actualmente.