O PSOE carballés pide melloras urxentes no funcionamento da UDIAF

1 minutes read

A portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Carballo, María Carmen Vila Blanco, presentará ao próximo pleno municipal unha serie de rogos relacionados co funcionamento dos servizos da actual Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF), instando ao Goberno Municipal que se solicite á Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia a posta en marcha dunha unidade de atención temperá municipal exclusiva para Carballo, con cargo aos 11,8 millóns de euros postos a disposición das entidades municipais para tal fin, axuda publicada no DOG núm 204 publicado o luns, 31 de outubro de 2022 con relación a ORDE do 19 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá.

Os socialistas afirman que o recente reforzo do equipo da UDIAF de ser 3 a 5 terapeutas para atender a toda a Comarca, con excepción do municipio da Laracha que conta con Unidade propia, segue a ser insuficiente con respecto ao ratio das demais Unidades da provincia, (cinco son as que ten A Laracha cunha poboación diana cinco veces inferior).