- Tamén apostan por deseñar un protocolo de avaliación e intervención inmediata ante a «existencia sobrevinda de emerxencias sociais»
A formación local do PSdeG en Carballo rexistrou unha moción, de cara ao seu debate no próximo pleno, para crear un servizo municipal de Urxencias Sociais de intervención durante as 24 horas e que funcione todo o ano. Os socialistas recalcan que este tipo de emerxencias poden vir dadas por fenómenos naturais ou por actuacións do home, «deixando grupos de poboación en indefensión»; ou estar derivadas por unha situación excepcional dunha persoa ou familia que require dunha atención inmediata.
«Coñecemos as dificultades da administración para responder en espazos de tempo breves a estas necesidades, e de mobilizar os recursos necesarios para que acompañen á decisión», destaca a portavoz socialista María Carmen Vila Blanco, polo que tamén se solicitou deseñar un protocolo de avaliación, información e intervención inmediata «ante a existencia sobrevinda de emerxencias e urxencias sociais», sobre todo tendo en conta a situación actual derivada da Covid-19.
Por outra banda, o grupo municipal socialista tamén solicita que se modifique a ordenanza municipal para que as persoas con mobilidade reducida poidan aparcar en zona azul sen límite de tempo. En determinadas zonas as «prazas reservadas para estes usuario non resultan suficientes», destaca Vila Blanco, polo que «deben utilizar outras prazas diferentes ás reservadas para as súas necesidades, algunhas delas reguladas pola zona azul».