- A formación rexistrou dúas mocións para debatir no próximo pleno, sendo outra delas a colocación dunha pancarta polo 25N
O grupo do PSOE de Carballo rexistrou dúas mocións para ser debatidas no vindeiro pleno ordinario. Tras a recente sentenza do Tribunal Constitucional relativa á anulación do Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana (IIVTNU), popularmente coñecido como o imposto de plusvalía, a formación instará ao goberno local a que garantice o asesoramento gratuíto a aqueles veciños afectados polo mesmo indicándolles as vías, procedementos e canles oportunos en función de cada situación. Tamén solicitará que o Goberno central revise o financiamento local para «levar a cabo unha reforma global do imposto que permita que a forma de cálculo da cota tributaria reflicta dun modo máis fiel o verdadeiro incremento de valor os terreos, sen menoscabo dos recursos municipais».
A outra moción está motivada polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebrará o 25 deste mes. Os socialistas piden que se coloque nun lugar céntrico da vila carballesa unha pancarta onde quede reflectido o compromiso do Concello coa erradicación da violencia de xénero. Esta pancarta estará acompañada dun contador onde se expoñerá o número de mulleres asasinadas para dar conta da terrible realidade que se está vivindo en España neste ámbito.