Este mércores tivo lugar unha rolda de prensa no Concello de Malpica, convocada polo PSOE para ofrecer a súa visión de partido sobre a moción de censura que se votará este venres ás 12 do mediodía en pleno extraordinario. Asistiron e tomaron a palabra, o alcalde, Walter Pardo, o secretario de organización, José Manuel Lage Tuñas, así como o coordinador comarcal, José Antonio Viña Patiño.
Walter Pardo, iniciou a súa intervención criticando o que definiu como “a moción da vergoña, utilizando a un concelleiro non adscrito, cunha escusa ridícula como é a suposta inacción do goberno, algo que deberían valorar os veciños nas urnas e non eles nun despacho”. «A dignidade nin se compra nin se vende. Ou se ten ou non se ten. Neste caso ningún dos representantes que van a entrar na moción a debe ter», concluíu.
José Manuel Lage Tuñas afirmou que “en dous anos o PP non fixo nin unha soa proposta en positivo”, expresando o “respaldo firme a Walter Pardo e a todo o seu equipo de goberno”. ”Estamos ante unha maniobra do Partido Popular, un regreso ao pasado e ás peores prácticas que hai na política; o PP non respecta a decisión do pobo de Malpica e utiliza a Alfredo Cañizo como unha marioneta para defender, a saber que intereses”.
Pola súa banda, José Antonio Viña Patiño, coordinador comarcal dos socialistas, afirmou que se trata dun pacto que de novo non ten nada, é “unha pésima noticia para o pobo de Malpica, porque volve o grupo de goberno que tivo Malpica paralizada durante oito anos, nos próximos meses regresarán a inacción e os líos internos, ocupar o poder para non facer nada”, matizou.
