O PSOE da Laracha interésase pola instalación da fibra óptica nas parroquias

1 minutes read

Rexistrou por escrito unha pregunta na que solicita información ao grupo de goberno do PP sobre a instalación da fibra óptica no municipio.

“O Día Mundial de Internet é un bo momento para reflexionar sobre a importancia da rede no noso día a día e máis neste ano; ante as difíciles circunstancias que vivimos, aprendemos de verdade as implicacións de ter ou non ter un bo servizo de comunicación”, afirma a portavoz do PSOE, Paloma Rodríguez Castiñeira.

“Internet permítenos, entre outras cousas, o traballo a distancia ou a educación online; o acceso de calidade á rede é un elemento necesario non só para o ocio, acceso á información ou realización de trámites persoais, senón que tamén é fundamental para fixar poboación e abrir novas oportunidades de emprego e autoemprego para as persoas emprendedoras”, sostén.

“No noso Concello, Amtega (Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica) informou ao alcalde que no período 2020-2021 estaban previstas actuacións nas trece parroquias da Laracha que suporían a chegada da fibra óptica aos principais

núcleos de poboación, posibilitando así o acceso a internet de alta velocidade”, explica Paloma Rodríguez.

Por este motivo, o PSOE solicitou por escrito “a listaxe dos núcleos de poboación de cada parroquia beneficiados polas subvencións, tanto a través do Plan de Banda Larga 2020 da Xunta de Galicia como do Estado, a través do Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración, especificando para cada un deles os prazos de execución previstos para rematar a dotación de cobertura de fibra óptica”.