- Inés Ramos afirma que dende o PSOE buscan que as taxas das instalacións deportivas e a recollida do lixo sexan “accesibles, modernas e sostibles, non ferramentas recadatorias”.
As propostas do PSOE, explica a voceira Inés Ramos, buscaban “introducir criterios de igualdade, dixitalización, sustentabilidade e transparencia nas ordenanzas elaboradas polo goberno local, co obxectivo de facer unha xestión máis social e eficiente dos servizos municipais”.
«Queremos que o deporte e a xestión dos residuos sexan servizos públicos accesibles, modernos e sostibles, non ferramentas recadatorias”, afirmou Ramos tras o pleno.
Por unha banda, no relativo ás taxas pola xestión de reservas nas instalacións deportivas municipais, o grupo municipal socialista propuxo bonificacións sociais do 50 % para persoas desempregadas, estudantes, familias numerosas, persoas con discapacidade e pensionistas, así como descontos do 30 % para clubs locais e entidades sen ánimo de lucro.
Tamén pediu tarifas reducidas para persoas empadroadas, cunha rebaixa do 25 % para quen contribúe fiscalmente no municipio, así como a dixitalización integral das reservas e pagamentos, con acceso en liña a horarios, dispoñibilidade e informes de utilización.
Así mesmo, as emendas reclamaban unha memoria económico-financeira que xustifique o custo real do servizo, e unha tarificación variable segundo a demanda, para optimizar o uso das instalacións sen incrementar o custo medio para a veciñanza.
“A pesar destas propostas orientadas á equidade e a modernización, o PP votou en contra das emendas, mantendo un modelo que ten un enfoque meramente recadatorio e carece de sensibilidade social”, critica a socialista.
Por outra banda, sobre a ordenanza das taxas da recollida do lixo, o PSOE propuxo incorporar un novo apartado de xustificación ambiental e normativa da implantación da taxa, co obxectivo de aliñar a normativa municipal coa lexislación europea e estatal.
Ramos explica que “a Directiva 2008/98/CE e a Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados obrigan a todos os concellos a establecer unha taxa que cubra o custo real do servizo e fomente a reciclaxe”.
O texto tamén introducía bonificacións para familias vulnerables, fogares con compostaxe doméstica e empresas que reduzan o desperdicio alimentario, así como incentivos á economía circular e á participación cidadá na separación de residuos.
«O PP perdeu a oportunidade de facer unha ordenanza moderna e comprometida co medio ambiente”, afirmou a voceira socialista. “Non se trata só de cumprir a lei, senón de construír un modelo de municipio sostible”, engadiu.
A socialista advertiu de que a campaña informativa anunciada polo Goberno local sobre a nova taxa de recollida de lixo chega tarde, xa que “o Concello tiña coñecemento da obriga europea desde hai anos e debería ter impulsado unha estratexia de sensibilización ambiental moito antes, non agora que a taxa xa está aprobada e sen participación cidadá”.
Para Ramos, “as emendas socialistas pretendían favorecer a igualdade de oportunidades, reducir barreiras económicas, avanzar na dixitalización e cumprir cos obxectivos ambientais europeos, mais todas foron rexeitadas polo PP”.
«A Laracha necesita políticas públicas que poñan ás persoas no centro, non máis taxas sen criterio social nin ambiental, pero o Concello desaproveitou a ocasión de poñerse á vangarda da modernización e a sustentabilidade municipal”, concluíu.
 
  
 