- As demandas van dirixidas tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central
O PSOE da Laracha presentou este mércores unha moción no Concello cun decálogo de medidas para facer fronte á situación de emerxencia derivada da guerra en Ucraína e paliar as súas consecuencias económicas e sociais, sobre nos sectores máis afectados e persoas en situación de vulnerabilidade.
A voceira da formación local, Palomi Rodríguez Castiñeira, sinalou que ao custo «descontrolado» da electricidade, o combustible e a materia de determinados produtos hai que sumarlle os efectos negativos de dous anos de pandemia. Un conxunto de sucesos que son «un horizonte escuro» para a economía e a súa recuperación. Ante isto, a dirixente socialista pide ao goberno local que se pronuncie ao respecto e apoie esta iniciativa para urxir un plan de medidas tanto ao Executivo galego como ao central.
Rodríguez Castiñeira chamou á Xunta de Galicia a reducir as peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica, especificamente na AG‐55 entre A Coruña e Carballo; rebaixar as taxas da ITV, impulsar lexislativamente os proxectos estratéxicos dirixidos a elevar a autosuficiencia enerxética ou reducir as tarifas portuarias nun 75%. Tamén solicita que se aprobe un plan social de axudas ás familias máis vulnerables; reformular a Tarxeta Básica da Xunta; reducir o tramo autonómico do IRFP; habilitar un fondo de avais e de liquidez que garanta a viabilidade de empresas afectadas polo peche de mercados en Rusia e Ucraína e elaborar un plan de axudas directas extraordinarias para o sector agrario e gandeiro afectado polo incremento dos combustibles.
Por outra banda, desde o PSOE larachés tamén demandan ao Executivo central que impulse un cambio na regulación do mercado eléctrico, de xeito que se faga posible unha rebaixa significativa no custo da electricidade; a redución das tarifas portuarias; unha diminución da imposición sobre os hidrocarburos e impulsar unha baixada das peaxes nas autoestradas de titularidade estatal, especificamente na AP‐9.