O PSOE da Laracha levará dúas mocións ao próximo pleno

1 minutes read

Os socialistas da Laracha levan a pleno municipal desta semana unha moción na que demandan “o apoio do concello á mobilización cidadá convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela o 12 de febreiro, sumándose ao que numerosas organizacións, colectivos e persoas a título persoal veñen facendo durante as últimas semanas”. O PSOE pide tamén “unha recollida de sinaturas que promovan a presentación da ILP para a mellora de atención primaria que fomenta SOS Sanidade Pública”.

Os socialistas da Laracha levarán tamén unha segunda moción na que instan á Xunta de Galicia a crear, coa necesaria contribución orzamentaria, “un Observatorio de Igualdade do Sector Pesqueiro Galego, formado por persoal técnico que estude, analice e estableza diagnósticos e medidas correctoras que contribúan a mellorar a situación das galegas que traballan no mar ou en actividades relacionadas, prestando atención á escasa participación das mulleres en postos de dirección e representación”.