O PSOE da Laracha pedirá no próximo pleno máis actuacións para previr a ludopatía

PIXABAY

O grupo municipal do PSOE da Laracha, liderado por María Palomi Rodríguez Castiñeira, levará ao próximo pleno unha moción sobre a prevención da ludopatía, especialmente entre a mocidade.

Os socialistas inciden en que as políticas públicas sobre formas de xogo e apostas, de forma especial as producidas polo avance da tecnoloxía, veñen amosando un grave problema de ausencia dunha regulación adaptada á realidade actual. “Neste tema especialmente non podemos quedar atrás”, sinala Rodríguez Castiñeira.

Así, aproveitando que desde a Deputación da Coruña e a asociación AGALURE se vai poñer en marcha un programa piloto de prevención da ludopatía nos centros escolares da provincia, os socialistas pedirán no vindeiro pleno ordinario que se poña en coñecemento dos centros secundarios do Concello dito programa para que, de non estar incluídos nese plan piloto, soliciten a súa inclusión no futuro.

Nesta moción tamén se solicita á Xunta a presentación, no menor espazo de tempo posible, dun proxecto de Lei do xogo de Galicia que recolla todas aquelas accións necesarias destinadas á prevención; así como o rexeitamento expreso da corporación municipal da Laracha á posible implantación de negocios de casas de apostas na localidade.