O PSOE da Laracha pide a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade

Ines Ramos_PSOE A Laracha.

A voceira do Grupo Municipal Socialista da Laracha, Inés Ramos, presentou a través da sede electrónica do Concello unha solicitude formal para a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade, debido ao que califica de «preocupante falla de efectivos da Policía Local no municipio». 

«Desde o grupo socialista observamos problemas crecientes na atención cidadá, no control do tráfico e na prevención de condutas incívicas, derivados da escaseza de axentes dispoñibles, unha situación que está a xerar inseguridade e preocupación entre a veciñanza», indica Ramos. 

A voceira socialista local subliña que «a seguridade cidadá é unha prioridade que require coordinación e resposta inmediata por parte de todas as administracións implicadas». 

Por esta razón, o PSOE da Laracha solicita que na xuntanza da Xunta Local de Seguridade participen a Alcaldía, representantes da Policía Local, da Garda Civil e tamén a Subdelegación do Goberno na Coruña, co obxectivo de avaliar a situación e impulsar medidas efectivas que garantan unha presenza policial axeitada en todo o termo municipal. 

A portavoz do PSdeG-PSOE local lembra que a Xunta Local de Seguridade é o órgano de coordinación entre corpos e institucións responsables da seguridade cidadá, e considera que a súa convocatoria «non pode demorarse máis ante a evidente necesidade de reforzar o servizo e ofrecer á veciñanza a tranquilidade que merece». 

Related posts

O PSOE esixe ao Concello de Coristanco transparencia e respecto ao dereito de acceso á información pública

O BNG leva ao Parlamento galego as deficiencias no IES Fernando Blanco de Cee

A Xunta abre unha nova Casa do Maior en Fisterra