O PSOE da Laracha pide a retransmisión dos plenos e a publicación de actas en vídeo

1 minutes read

Inés Ramos, concelleira socialista na Laracha, presentou para o Pleno ordinario do mes de xaneiro unha moción para que se implemente, a partir da vindeira sesión plenaria, a gravación e publicación de actas en formato de vídeo. Para tal consecución solicítase a creación dunha canle en liña adicada a súa difusión pública, asegurando así o seu fácil acceso para a comunidade veciñal.

A edil socialista explica que o obxectivo desta moción é “abrir as portas do Concello a todos os veciños e veciñas ofrecendo unha transparencia verdadeira e absoluta”.
Dende o PSOE da Laracha consideran que a participación cidadán é un “elemento necesario para o progreso do municipio” e que o primeiro paso para conseguilo é que “os veciños e veciñas teñan á súa disposición toda a información: acordos entre os grupos, mocións, rogos e preguntas de cada partido, incluíndo ademais os debates e intervencións íntegras nas sesións
plenarias.”
“Se pedimos participación veciñal para o progreso do municipio, primeiramente debemos dende o Concello informar cunha transparencia total e absoluta da vida municipal.”
Inés Ramos comenta que a emisión dos plenos municipais permitiría coñecer de forma directa as sesións e o contido dos diferentes puntos da orde do día.

A concelleira socialista considera que “é necesario que o Concello tome medidas diferentes, innovadoras e do século XXI para garantir o carácter público das sesións, cumprir coa súa obriga como Concello e así garantir o dereito de todos os laracheses e larachesas.”