O PSOE da Laracha pide adaptar a xestión municipal ás novas tecnoloxías

Palomi Rodríguez Castiñeira.

O Grupo Municipal Socialista da Laracha a través da súa portavoz Palomi Rodríguez Castiñeira, emitiu un comunicado no que lle pedirá, mediante unha Moción ao Goberno, adaptar a xestión municipal ás novas tecnoloxías, mediante un sistema de gravación audiovisual das sesións de Pleno que se celebran no Concello. “A súa retransmisión en directo vía streaming fará que todas as nosas veciñas e veciños teñan a información de primeira man”, afirma Rodríguez.

“Grazas a estas aplicacións facilítase o acceso ás sesións plenarias e aos seus documentos, tanto á veciñanza como ás e aos membros da Corporación e outras persoas e entidades interesadas nos acordos que se adopten. Ofrécese ademais unha ampla cobertura para que os medios de comunicación visualicen e sigan en directo o desenvolvemento dos plenos que celebre o Concello.
Esta é unha oportunidade para achegar a vida política e municipal ás veciñas e veciños, tendo en conta que contamos no noso municipio cunha páxina web municipal que realiza a función pública de información, a que debería contar cunha hemeroteca na que queden arquivadas as gravacións íntegras de todas as sesións para que poidan ser consultadas polas veciñas ou veciños en calquera momento”. Tampouco lle parece axeitado que os Plenos se celebren o último venres correspondente ao mes impar ás 13:30 horas, “un horario que non está suxeito a ningunha persoa por estar traballando a esa hora”, conclúe a líder socialista.

.