O PSOE da Laracha pide un ‘cambio de rumbo’ na xestión do persoal da Policía

Vehículo de la Policía Local

O Grupo Municipal Socialista da Laracha denuncia «a grave situación de inseguridade na vila» logo do roubo rexistrado nun supermercado na noite do domingo ao luns. 

Este suceso súmase a outros delitos e actos vandálicos cometidos no último ano, que, como sinala a voceira socialista local Inés Ramos López, amosan «unha clara falta de medios e planificación por parte do goberno local». 

Por unha banda, dous homes foron detidos en marzo de 2025 tras atracar a xoiería M. Lorenzo, no centro da Laracha, empregando gas pimienta para intimidar e arrincando xoias dunha manta-muestrario antes de fuxir en coche cara á Coruña. 

En abril de 2025 produciuse un acto de vandalismo contra o coche da concelleira Cristina Vieites, ao que lle pincharon as rodas traseiras e lle pintaron a palabra «puta» na carrozaría. 

Por outra banda, en setembro de 2025 un veciño da Laracha foi detido como presunto autor de tres roubos con forza en alpendres, de onde subtraeu ferramentas, sendo ademais investigado un familiar por tentar encubrir os feitos. A estes feitos hai que engadir outros actos vandálicos, como a rotura de farois en Caión. 

Neste contexto, o propio Concello recoñeceu en marzo de 2025 que a Laracha quedaría sen efectivos da Policía Local durante un tempo debido ás baixas médicas, coincidindo cun conflito laboral pola Relación de Postos de Traballo (RPT). 

«A Policía Local leva anos reclamando melloras nas súas condicións laborais, sen que as súas demandas foran atendidas», lamenta Ramos López. «Como consecuencia, varios axentes decidiron trasladarse a outros concellos con mellores condicións», lamenta. 

«Actualmente o número de efectivos resulta claramente insuficiente, mentres se recorre de xeito abusivo a auxiliares que carecen da mesma capacitación e competencias», engade a portavoz socialista local. 

«Cómpre lembrar que, nas reunións mantidas con anterioridade, nin o alcalde nin o edil encargado de Persoal se dignaron a asistir, delegando a representación na concelleira Rocío López, o que evidencia a falta de vontade política para afrontar un problema tan grave», critica. 

Ademais, o Grupo Socialista advertiu no seu momento que «a elaboración da Relación de Postos de Traballo vulneraba o disposto pola xurisprudencia do Tribunal Supremo, sen que o goberno municipal adopte medida algunha para corrixilo». 

A voceira socialista considera imprescindible «un cambio de rumbo inmediato na política de seguridade e persoal», e entende que o concelleiro delegado de Persoal, José Ramón Martínez Barbeito, «debe reflexionar sobre a súa continuidade, dar explicacións claras á veciñanza e asumir as responsabilidades que correspondan». 

Related posts

O Centro Sociocultural de Baio abre un ciclo de exposicións con “VitaminArte”, de María José Rodríguez

A UME actívase para colaborar no rescate de afectados polas inundacións en Baleares

Coreber e Concello da Laracha cooperan en cursos gratuítos para obter o carné básico de fitosanitarios