O PSOE da Laracha pídelle ao goberno local colaboración para optar aos fondos Next Generation

PIXABAY

  • Estas axudas teñen como obxectivo reactivar a economía a través da transformación dixital, ecolóxica e territorial

O grupo do PSOE na Laracha, a través da súa voceira María Palomi Rodríguez Castiñeira, levará ao vindeiro pleno unha moción para instar ao goberno local á creación dun grupo de traballo para concorrer ás diferentes convocatorias no reparto dos fondos europeos Nest Generation EU. Neste grupo estarían representadas todas as formacións locais e os axentes económicos e sociais cun claro obxectivo: establecer as bases e prioridades do Concello da Laracha para poder alcanzar parte destas axudas.

Os fondos de recuperación Next Generation pretenden reactivar os motores da economía europea afectada pola crise derivada da pandemia causada pola COVID-19. España recibirá 140.000 millóns de euros entre transferencias e préstamos, dos cales 72.000 millóns serán entregados a modo de transferencias non reembolsables. Esta dotación económica, equivalente ao 11 % do PIB, servirá para financiar a partir deste ano 2021 proxectos que activen a economía española no referido á transformación dixital, ecolóxica, igualdade de xénero, cohesión social, económica e territorial.

«O Goberno central, algunhas comunidades autónomas e moitos concellos están traballando dende xa hai varias semanas na definición das mellores ideas», explica Castiñeira, recalcando ademais que «a Xunta de Galicia debería deixar a un lado a súa política de confrontación co Goberno do Estado e centrarse na elaboración dun plan ben estruturado sobre o uso deste diñeiro, posto que xa debería estar traballando na selección de prioridades para a nosa comunidade».

A nivel autonómico, o PSOE presentou as bases do ‘Plan Rexorde Galicia’, que inclúe 20 eixos de actuación e 60 programas específicos para a reactivación económica, social e cultural do territorio. «A nosa proposta establece a mobilización de 20.000 millóns de euros en investimento público e público-privado ata o ano 2027, podendo mobilizarse entre 3.500 e 4.000 millóns de euros cada ano entre todas as administracións dos que, en grande medida, podería beneficiarse o noso Concello», sinalan os socialistas da Laracha.