O PSOE da Laracha presenta alegacións ao parque eólico de Carboeiro

1 minutes read
  • Desde a agrupación sinalan que os aeroxeradores e as liñas de evacuación terán un forte impacto na paisaxe, o medio natural e o patrimonio cultural

O goberno local da Laracha anunciou recentemente que presentará alegacións ao proxecto de construción do parque eólico de Carboeiro, en Erboedo. Unha actuación que tamén levarán a cabo desde o PSOE local xa que segundo a súa voceira, Palomi Castiñeira, o expediente remitido desde a Xunta presenta «numerosas carencias que impiden avaliar o seu impacto real» posto que non se contemplan os efectos da instalación das liñas de evacuación da enerxía nin se inclúe un estudo sobre a afección ambiental acumulada nunha área xeográfica «atravesada xa por preto de 900 quilómetros de liñas de media tensión». Aos socialistas tamén lles preocupa, de xeito particular, a fragmentación dos hábitats naturais e os prexuízos para a avifauna.

Castiñeira tamén advirte sobre a afección «moi severa» que o parque eólico terá sobre espazos de enorme valor natural, algúns deles incluídos na Rede Natura 2000. A concelleira indica que «o proxecto, tal como está redactado, incrementará o feísmo paisaxístico nunha zona pola que discorren diversas rutas de sendeirismo, estragando deste modo un dos principais recursos turísticos da Laracha e doutros concellos veciños». Estragos que tamén se producirán na contorna, onde existen numerosos elementos patrimoniais de carácter arqueolóxico e etnográfico que se verían afectados pola nova infraestrutura.

Ademais, desde o PSdeG-PSOE denuncian a ausencia dun estudo hidrolóxico que garanta a calidade das masas de auga superficiais e os acuíferos soterrados, sobre todo nunha zona eminentemente rural, así como a falta de estudos sobre o impacto acústico, entre outros, dos aeroxeradores sobre a poboación.

O prazo de alegacións para os casos dos proxectos do parque eólico Carboeiro e a súa liña de evacuación remata o 4 de xullo.