O proxecto deste parque afecta ao Concello da Laracha con catro aeroxeneradores e ao Concello de Cerceda con dous. Entre as emendas, destaca o rexeitamento da solicitude de autorización administrativa previa, da autorización administrativa de construción, do estudo de impacto ambiental (EIA) e do proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico de Meirama.
“O seu impacto ambiental, paisaxístico e no patrimonio é inasumible, severo e moi crítico”, asegura Paloma Rodríguez, voceira dos socialistas da Laracha.
“Existen unha serie de humidais afectados polo proxecto que foron obviados na tramitación ambiental. Non se garante por tanto a necesaria conectividade ecolóxica lonxitudinal e transversal dos ecosistemas nin a necesaria coherencia da Rede Natura 2000”, engade o PSOE.
Rodríguez considera que “este quinto proxecto para a zona provoca un grao de saturación de parques eólicos significativo nesta área xeográfica, na que xa existen máis parques eólicos instalados e outros en tramitación”.
“Á afección severa e descontextualizada de patrimonio polo proxecto do parque eólico Meirama hai que engadir as consecuencias doutros parques como o de Coto Loureiro, no lugar de Silvoso en Soandres”, conclúe a voceira socialista.