A voceira socialista da Laracha, Inés Ramos, detallou que actualmente o local presenta un estado «lamentable» e non se lle está a dar un aproveitamento axeitado, malia estar situado ao carón dun centro educativo con máis de 60 nenos e nenas. «Estamos a falar dun espazo que debería servir para actividades culturais, educativas e de ocio durante todo o ano, pero que, pola inacción do goberno municipal, permanece practicamente sen vida», apuntou.
Ramos subliñou que «se un local público non está aberto á veciñanza, non é servizo, é abandono». Asegurou que resulta unha contradición ter un edificio como o Centro Sociocomunitario de A Balea, de recente construción e cun investimento superior ao millón de euros, a escasos metros do Centro da Insua, e que tampouco está a ser aproveitado como debera. «Non abonda con construír infraestruturas ou gastar cartos en obras se logo non se lles dá vida. O que precisa a veciñanza son espazos vivos, útiles e cunha programación estable», afirmou.
A voceira lembrou que moitos nenos e nenas acoden ao centro sociocultural da Insua para realizar actividades como clases de pintura, mais as instalacións presentan «condicións deplorables», o que impide un uso adecuado por parte das familias. Criticou tamén que o centro sociocomunitario de A Balea permaneza pechado polas mañás, «mesmo cando dispón de aulas de estudo que poderían ser empregadas polo alumnado, e que non exista unha programación estable de actividades de calidade nin no inverno nin en época escolar», explicou a voceira.
Dende o Grupo Socialista reclaman ao Concello da Laracha a posta a punto inmediata das instalacións do centro sociocultural da Insua de Caión, a ampliación dos horarios de apertura, incluíndo as mañás do centro sociocomunitario, e a posta en marcha dun plan de dinamización con actividades culturais, educativas e deportivas que dean resposta ás necesidades da infancia e da mocidade de Caión e arredores.
«Non pedimos luxos, pedimos servizos municipais de calidade, accesibles e útiles para a cidadanía. A infancia de Caión merece espazos dignos, non locais en desuso. E as infraestruturas municipais non poden ser edificios baleiros: teñen que estar ao servizo da veciñanza», explicou Ramos.
A voceira concluíu subliñando que o Grupo Socialista «comprométese a facer seguimento desta situación e a levar a iniciativa aos órganos municipais correspondentes, co obxectivo de que o goberno local actúe con urxencia».