O PSOE da Laracha reclama novas beirarrúas xunto o campo de fútbol, o CEIP Ramón Otero Pedrayo e a Casa da Cultura 

Ines Ramos_PSOE A Laracha.

O PSdeG-PSOE da Laracha presentará no pleno municipal unha moción para reclamar a dotación de novas beirarrúas nas contornas do campo de fútbol municipal, o CEIP Ramón Otero Pedrayo e a Casa da Cultura. 

«Cada día son moitos os nenos e nenas que se desprazan a estes espazos, pois son clave para a vida educativa, deportiva e cultural da nosa vila», explica a voceira socialista local Inés Ramos López. 

«Porén, en varios tramos de acceso non existen beirarrúas, o que obriga a camiñar pola estrada ou polos arcéns, con todos os riscos que isto supón», lamenta a socialista. «Falamos de cativos e cativas que deberían ter garantida a máxima seguridade», engade. 

Por estas razóns sinala que «é de xustiza que o Concello dea prioridade á construción destas beirarrúas, pensando primeiro na seguridade da cativada e no benestar de todas as familias que usan estas instalacións». 

A moción reclama poñer en marcha a redacción do proxecto para dotar de beirarrúas a estes accesos, así como reservar as partidas necesarias no orzamento municipal ou buscar financiamento a través doutras administracións, establecendo un calendario de execución que permita iniciar as obras canto antes. 

Related posts

O PSdeG esixe unha ‘reforma integral’ do colexio Labarta Pose de Zas

A Asemblea Aberta do Profesorado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso súmase aos «martes en loita»

Adxudicado o proxecto para reducir as infiltracións na rede de saneamento da Laracha