O PSOE larachés renova a súa Executiva de cara ás municipais do 2023

1 minutes read
  • Alba Toba é a nova secretaria xeral e Palomi Rodríguez Castiñeira actuará como secretaria de Acción Electoral e Administración

O PSdG-PSOE da Laracha celebrou este mércores unha Asemblea extraordinaria para renovar a Comisión Executiva Municipal co obxectivo de comezar a preparar as eleccións municipais de 2023, unha cita que o partido afronta «coa ilusión de conseguir o cambio que tanto necesita este concello», destacou a nova secretaria xeral, Alba Toba. A actual concelleira contou co apoio da militancia para relevar no cargo a Palomi Rodríguez Castiñeira, que permanece no equipo asumindo a Secretaría de Acción Electoral e Administración.

A nova Executiva contará tamén con José Suárez como presidente; José Martínez Ageitos como secretario de Organización; Estrella Mañana á fronte da Vicesecretaría de Igualdade; José Antonio Barbeito como vicesecretario de Política Municipal; Héctor Suárez Prego na área de Formación e Eduardo García Pazos na de Deportes. A Asemblea tamén acordou a designación de Emilia Ferreiro como representante da Agrupación Local da Laracha no Comité Provincial da Coruña.

O encontro serviu, ademais, para avaliar o traballo desenvolvido polos socialistas durante o presente mandato. «Temos por diante 15 meses de intensa actividade antes das eleccións», afirmou Toba, facendo fincapé na importancia de todo o esforzo realizado ata a o de agora, o que «permitiu poñer sobre a mesa os problemas reais da veciñanza e serviu para consolidar ao PSdeG-PSOE como unha alternativa esperanzadora, renovadora e preparada para afrontar os retos deste Concello».