O PSOE da Laracha solicita a creación dunha plataforma local de venda online

Paloma Rodríguez Castiñeira.

O Grupo Municipal Socialista da Laracha desexa someter á consideración do Pleno unha Moción sobre a creación dunha plataforma de venda online por parte do Concello para a revitalización do comercio local.

A través da súa portavoz municipal, Paloma Rodríguez Castiñeira, os socialistas afirman que o comercio local está a padecer as consecuencias duns cambios de hábitos das persoas consumidoras; primeiro foi coa apertura de centros comerciais e despois polo aumento das compras por internet. Isto último acelerado pola pandemia.
A situación de crise xerada no país pola COVID-19, e que afecta moi directamente ao ámbito máis próximo, fai que as entidades locais se adapten a unha nova realidade.

Conscientes de que o pequeno comercio e os establecementos hostaleiros xeran unha boa parte do emprego no termo municipal e que esta crise coincide nun período de gran actividade comercial, coincidindo en moitas ocasións con festividades de ámbito local e autonómico que tiveron que ser suspendidas. A maioría dos establecementos tiveron que pechar as súas portas e as familias respectaron escrupulosamente as medidas de illamento. A sociedade amosa e segue a amosar un elevado sentido de responsabilidade na prevención da enfermidade, pero as consecuencias están sendo devastadoras. O pequeno comercio e o sector da hostalaría están a sufrir cuantiosas perdas diarias.

Desde o PSOE afirman que o comercio local e de proximidade na Laracha “permanece aínda alleo na súa grande maioría ás posibilidades de venda que se abren a través de internet, pese ao imparable crecemento desta vía, especialmente por parte da xente nova”.

Con esta Moción afirman buscar conxugar o desenrolo da economía municipal e a do propio cidadán, a través da transformación dixital, aportando solucións tecnolóxicas que permitan conectar o comercio local a través dunha plataforma que conecte activamente o comercio e os servizos locais coa veciñanza. “Trátase de potenciar a visibilidade de todos os comercios da nosa localidade, coa única intención de impulsar a economía”, matizan.

Con esta exposición de motivos, instan ao Goberno municipal a “poñer en marcha, en coordinación con todo o sector, a creación dunha plataforma de venda online para facilitar a innovación e dixitalización e a interacción comercio-cliente a través da participación cidadán, co obxecto de dar un impulso ao tecido empresarial do noso municipio que axude a paliar os efectos da COVID-19”.