O PSOE da Laracha solicita un plan integral para a cobertura dos parques infantís

O Grupo Socialista da Laracha, a través da súa voceira Inés Ramos, presentará unha iniciativa para instar ao goberno local á elaboración dun Plan Integral de Cobertura dos Parques Infantís do municipio. A proposta chega despois do Pleno Infantil celebrado o 2 de decembro, no que o alumnado participante solicitou a creación de espazos de xogo cubertos e utilizables durante todo o ano.

Inés Ramos afirmou que «os nenos e nenas da Laracha, así como as súas familias, merecen parques seguros, accesibles e útiles os 365 días do ano». Na iniciativa, o PSOE da Laracha solicita ao Concello a aprobación dun documento técnico que analice o estado actual dos parques infantís e a viabilidade da súa cobertura, a creación dun plan municipal que garanta espazos de xogo cubertos en todas as zonas do concello, a programación de investimentos plurianuais con partidas específicas a partir de 2026 e a implantación dun sistema de información que permita á veciñanza coñecer prazos, orzamentos e avances.

Ramos tamén valorou positivamente a retransmisión do Pleno Infantil a través da canle oficial de YouTube, indicando que «facilitou o seguimento da sesión por parte da veciñanza». A voceira socialista insistiu en que esta práctica se estenda aos plenos ordinarios e afirmou que «a emisión en directo é unha ferramenta esencial para achegar a actividade municipal á cidadanía e reforzar a transparencia», e pediu que esta práctica se estenda aos plenos ordinarios.

Related posts

Dúas empresas presenta ofertas á Xunta para a obra de rehabilitación integral do colexio O Areal de Camariñas

O Concello da Laracha renova o convenio para facilitar a xestión da biomasa nas faixas secundarias

O FIOT repite un ano máis entre os mellores proxectos culturais de Galicia