jueves, 30 abril , 2026

O PSOE de A Laracha busca un plan de ocio que facilite a conciliación familiar durante este verán

1 minutes read
  • Comezaría a partir do día 22 de xuño e podería prolongarse ata a incorporación escalonada aos centros escolares en setembro

Os socialistas da Laracha rexistraron unha iniciativa no concello na que demandan a posta en marcha dun programa de conciliación da vida laboral e familiar durante o verán.

A portavoz local do PSOE, Paloma Rodríguez Castiñeira, lembra que hai “moitas familias preocupadas por poder compaxinar os seus traballos, moitos dos cales volverán a ser presenciais, co coidado dos seus fillos e das súas fillas”.

Para facer fronte a esta situación, o PSOE propón “elaborar un programa de ocio educativo e deportivo que, neste ano 2020, se poría en marcha con grupos reducidos e un protocolo específico de actuación fronte ao COVID-19”. Trataríase dun proxecto municipal, dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, que busca facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. Comezaría a partir do día 22 de xuño e podería prolongarse ata a incorporación escalonada aos centros escolares en setembro.

As actividades desenvolveranse nos locais habilitados polo concello en A Laracha, Paiosaco e Caión; non haberá contacto físico e respectaranse todas as medidas de prevención durante o seu desenvolvemento.