O PSdeG-PSOE da Comarca de Bergantiños insta os gobernos municipais da bisbarra a aproveitar a nova liña de axudas para a adquisición de vivenda impulsada ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 e a converter estes fondos nunha oportunidade para atraer e fixar xente nova no territorio.
A convocatoria da Xunta, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 19 de agosto, abre o prazo de solicitude o xoves 27 de agosto ás 9.00 horas. A liña conta cun orzamento de 2 millóns de euros e concede axudas de ata o 20% do prezo de adquisición, cun máximo de 15.000 euros por vivenda, para a compra de vivendas novas ou usadas en concellos de ata 10.000 habitantes. O prazo permanecerá aberto ata o 16 de novembro ás 14.00 horas.
O coordinador comarcal do PSdeG de Bergantiños, José Manuel Pérez Abelenda, considera que esta medida pode ser especialmente importante para os concellos da comarca que cumpran o límite de poboación, xa que permite facilitar o acceso á propiedade a persoas mozas e, ao mesmo tempo, favorecer o seu asentamento e empadroamento no rural.
As persoas beneficiarias deberán ter menos de 36 anos na data da solicitude, e a vivenda deberá converterse na súa residencia habitual e permanente durante, cando menos, cinco anos.
A adquisición pode ser realizada por unha ou dúas persoas, o prezo da vivenda, incluídos os anexos, non pode superar os 250.000 euros, sen impostos nin gastos inherentes, e no caso da compra admítense tanto vivendas novas como usadas.
Entre os requisitos figuran tamén contar con nacionalidade española, da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou determinados permisos de residencia no caso de persoas non comunitarias; así como cumprir os límites de ingresos establecidos na convocatoria.
A normativa contempla, ademais, requisitos específicos relativos á unidade de convivencia e á titularidade doutras vivendas. O PSOE de Bergantiños anima, polo tanto, ás persoas interesadas a consultar todas as condicións recollidas no DOG antes de presentar a solicitude.
O PSdeG comarcal reclama aos gobernos municipais que non se limiten a esperar a que a mocidade descubra por si mesma estas axudas, senón que fagan un labor activo de difusión, asesoramento e acompañamento. “Temos unha oportunidade para facilitar que mozos e mozas poidan mercar unha vivenda, empadroarse nos nosos concellos e construír aquí o seu proxecto de vida. Os concellos deben estar á vangarda desta oportunidade”, sinala Pérez Abelenda.
“A Xunta debe poñer como mínimo outros dous millóns”
O PSOE de Bergantiños reclama tamén á Xunta de Galicia que incremente a súa achega e poña como mínimo outros dous millóns de euros, á altura dos fondos que sustentan esta convocatoria estatal.
“A Xunta debe poñer como mínimo outros dous millóns, igual que o Goberno de Pedro Sánchez, porque as axudas van rematar pronto e son insuficientes para toda Galicia», afirma o coordinador comarcal.
Por outra banda, Patricia Iglesias, deputada socialista no Parlamento de Galicia, afirma que fará “seguimento á Xunta no Parlamento sobre o grao de execución, promoción e publicidade destas axudas para acceder á vivenda, o primeiro problema e preocupación de xente moza e familias».
Dende o PSdeG lembran que o propio Goberno de España estableceu no Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 un modelo de corresponsabilidade entre o Estado e as comunidades autónomas, con financiamento estatal e unha achega mínima autonómica.
Para Galicia, o acordo de distribución territorial contempla 239,4 millóns de euros de financiamento estatal para o conxunto do Plan no período 2026-2030, aos que se suman 159,6 millóns de financiamento mínimo da comunidade autónoma.
“Se queremos que Bergantiños gañe habitantes e, especialmente, gañe xente nova, precisamos políticas que faciliten o acceso á vivenda e que dean motivos para quedar ou vir vivir aquí. Estes dous millóns de euros son unha oportunidade, pero precisamos máis ambición por parte da Xunta e tamén unha implicación activa dos concellos”, sinala Iglesias Rey.
Finalmente, o PSOE de Bergantiños animou ás persoas menores de 36 anos interesadas en mercar unha vivenda a revisar con antelación os requisitos e preparar a documentación, dado que a convocatoria se tramita en réxime de concorrencia non competitiva e a solicitude debe realizarse por vía electrónica desde as 9.00 horas do 27 de agosto.