Os deputados autonómicos Begoña Rodríguez e Martín Seco visitaron Carballo para manter unha reunión cos portavoces dos concellos de Bergantiños co obxectivo de interesarse pola praga do verme da pradeira. Tamén, na mesma xornada, achegáronse á localidade de Pazos de Abaixo coa finalidade de avaliar a situación.
Na reunión, segundo informaron os socialistas, abordouse a profunda decepción que supón a repetida marxinación da comarca por parte do Partido Popular nos orzamentos autonómicos. Os deputados mostraron a súa preocupación polo feito de que, unha vez máis, os intereses e necesidades da comarca se vexan relegados.
Begoña Rodríguez e Martín Seco expresaron o seu compromiso de traballar arreo para que as demandas dos habitantes de Bergantiños sexan atendidas e para loitar contra a propagación do verme da pradeira, un problema que está a afectar gravemente á nosa agricultura e ecosistema.
Esta visita sinala a vontade dos nosos parlamentarios autonómicos de estar ao carón da xente de Bergantiños e de loitar polos seus intereses no Parlamento Galego. Agardamos que esta acción conxunta sexa o comezo dunha colaboración frutífera e que se tomen medidas axeitadas para afrontar a praga do verme da pradeira e asegurar o benestar da nosa comarca no futuro, concluíron.