O PSdeG-PSOE de Carballo preguntou ao Goberno local polos resultados das analíticas da auga da piscina municipal nos últimos tres meses, despois de que fose pechada pola presenza dunha bacteria.
A voceira socialista local María Carmen Vila lamenta que «se pechou a piscina de súpeto, sen dar ningunha explicación, e non foi ata que protestaron as persoas usuarias que recoñeceron o motivo do peche».
Porén, «non houbo ningún tipo de explicación do que pasara máis alá de dicir que había unha bactería», critica a socialista. «Non sabemos de que bacteria se trata nin de canto leva na piscina», advirte.
No pleno do pasado mes de maio, o Grupo municipal do PP preguntou ao Goberno local do BNG por esta situación, pero a súa resposta foi considerada insuficiente polo conxunto da oposición.
«Ante as preguntas que se fixeron sobre a bacteria ou canto tempo levaba simplemente se contestou que se aplicarían os protocolos correspondentes», explica Vila. «Cabe preguntarse cada canto tempo analizan a auga, porque a bacteria podería levar máis tempo», engade.
A pregunta rexistrada polo Grupo Municipal Socialista o pasado día 26 de xuñ lembra a obrigatoriedade de que o Concello realice controis mensuais de diversos parámetros microbiolóxicos e fisicoquímicos da auga, motivo polo cal reclámanse os resultados dos últimos tres meses.
«Por iso preguntamos cada canto fan estas análises, que tipo de comprobacións realizan, que laboratorio as leva a cabo e este tipo de cuestións», sinala a voceira socialista. «Tamén queremos saber en que se basa ese protocolo e canto tempo vai estar pechada a piscina», apunta.
No escrito saliéntase que o acceso a esta información «é de interese público para garantir a transparencia na xestión dun servizo esencial e asegurar o cumprimento da normativa técnico-sanitaria vixente, o que redunda directamente na saúde e seguridade de todas as persoas usuarias».
«Agora mesmo a veciñanza ten moitas dúbidas sobre esta cuestión que o Goberno local non resolveu, as persoas usuarias non tiñan constancia de que houbese unha bacteria co correspondente risco que isto supón para a súa saúde», conclúe.