O PSOE de Carballo presenta dous rogos de urxencia ao pleno deste luns

2 minutes read

A primeira exposición que fan dende o Grupo Socialista, a través da súa portavoz María Carmen Vila, ten que ver cunha alerta sobre os horarios provisionais das materias colectivas deste curso do Conservatorio de Música carballes. Os pais afirman de que hai materias que comezan dentro do horario de clases escolares pola tarde e en Carballo aínda hai polo menos unha institución con xornada de mañá – tarde, polo que creen que se debería ter prevista esta circunstancia xa que se produce un solapamento coa educación básica e obrigatoria.

Dende o PSOE rogan que o goberno municipal xestione unha solución ao problema para que todos os nenos de Carballo teñan as mesmas oportunidades independentemente do centro escolar no que estuden.

A segunda exposición ten que ver co funcionamento da Unidade de Desenvolvemento Infantil e Atención Temperá dá comarca de Bergantiños (UDIAF Bergantiños). Fai tres meses aprobouse no Pleno unha moción presentada por este grupo e apoiada tanto por BNG como por TEGA.

Os socialistas afirman que «a día de hoxe, asistimos con asombro á noticia de que volverán producirse cambios de persoal co trastorno que iso supón para os nenos usuarios do Centro. Trastorno do que tamén se fan eco os propios profesionais da Unidade noutras diferentes ocasións (por exemplo, como argumento para seguir tratando a nenos doutras localidades veciñas a pesar de contar dende hai pouco con Unidade propia).
En concreto, a área que está a ser afectada nesta ocasión, irá pola quinta terapeuta nun lapso de 3 anos (computando incluso o período de inactividade da pandemia onde non houbo terapias).
A maiores, comprobamos que os afectados tamén son sempre os mesmos, dada a practicamente inexistente mobilidade entre áreas que teñen os menores tratados», conclúen.

Polo exposto, rogan ao goberno municipal que teña a ben estudar máis a fondo o tema para pescudar que é o que está a pasar para que estes sucesos ocorran de forma tan reiterada e poder establecer por tanto unha solución.