O PSOE de Carballo presenta unha moción para a solicitude dunha ambulancia medicalizada con base na vila

Ambulancia medicalizada

O Grupo Municipal dos Socialistas de Carballo desexa someter á consideración do Pleno da corporación municipal unha moción para a solicitude dunha ambulancia medicalizada para a comarca de Bergantiños e con base en Carballo.

Os socialistas expoñen que a Comarca de Bergantiños, co concello de Carballo como núcleo central e de maior poboación, aglutina a preto de 70.000 habitantes, dos cales máis de 31.000 residen no municipio. Esta realidade demográfica, unida á dispersión poboacional propia deste territorio, ao volume de actividade industrial e á distancia cos hospitais de referencia situados na Coruña, fai imprescindible contar cuns servizos de emerxencias sanitarias á altura das necesidades da veciñanza.

Cando falamos de emerxencias sanitarias graves —como infartos, ictus ou traumatismos severos—, o tempo de resposta é o factor crítico que determina a diferenza entre a vida e a morte, ou entre unha recuperación total e o padecemento de secuelas irreversibles. Actualmente, a falta dunha ambulancia medicalizada na zona obriga a depender en moitas ocasións de unidades desprazadas desde outras áreas, o que incrementa os tempos de resposta ata límites inasumibles.

Desde o PSOE carballés lembran que nos anos 2011 e 2018, os voceiros do Partido Popular de Carballo, que daquela tamén exercían como deputados no Parlamento de Galicia, votaron en contra desta posibilidade na cámara autonómica. Malia estes antecedentes, dende o Grupo Socialista agardamos sinceramente que esa tendencia cambie a día de hoxe.

Polo exposto, instan á Xunta de Galicia, e de forma específica á Consellería de Sanidade e á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a dotar de forma urxente e permanente ao Centro de Saúde de Carballo dunha ambulancia medicalizada (Unidade de Soporte Vital Avanzado) que preste servizo as 24 horas do día para cubrir as necesidades de toda a comarca de Bergantiños.

Dotar a Carballo e a Bergantiños dunha ambulancia medicalizada non é un luxo, é unha cuestión de equidade e xustiza sanitaria, conclúen os socialistas.

Related posts

O Concello de Ponteceso completa a reforma dos camiños de Tella e reforza a protección do polígono fronte aos incendios

O BNG levará a loita contra a macroplanta de biogás de A Laracha a todos os concellos do Anllóns

O PSdeG acusa ao PP e ao goberno galego de “poñerlle alfombra vermella” á planta de biogás de Soandres