- A outra moción para debater no vindeiro pleno contempla un proxecto piloto de reciclaxe de cápsulas de café
O grupo municipal do PSOE en Carballo presentou dúas mocións para o seu debate no próximo pleno: unha delas relativa á creación dun plan para reducir a fenda dixital e de aprendizaxe entre o alumnado e outra relacionada coa implantación dun proxecto piloto de reciclaxe de cápsulas de café na localidade.
Despois de cumprirse este luns dous anos desde a declaración do Estado de alarma no noso país debido á pandemia da Covid-19, os socialistas volven a poñer sobre a mesa as dificultades que atravesaron as familias e os docentes durante os meses nos que as clases pasaron de ser presenciais a virtuais «da noite ao día», afirma a voceira do grupo socialista en Carballo, María Carmen Vila Blanco. Unha situación que xerou graves problemas económicos e sociais entre as familias españolas, sobre todo aquelas en situación de vulnerabilidade ou pobreza, debido á escaseza de recursos tecnolóxicos ou informáticos nos fogares ou á dificultade dos proxenitores de axudar aos seus fillos nas tarefas escolares.
Por este motivo desde o grupo socialista solicitarán que se multipliquen as iniciativas para reducir esta fenda e asegurar a continuidade educativa a distancia do alumnado, para que siga aprendendo nas mellores condicións posibles. Tamén pedirán ao Concello de Carballo que se estableza un protocolo de prevención no caso de ter que voltar a unha situación similar, provendo de material a aquelas familias que non teñan acceso ao mesmo así como distribuíndo bonos trocables para a impresión de material educativo nas reprografías da localidade.
A outra moción contempla a implantación dun proxecto piloto de reciclaxe de cápsulas de café en Carballo así coma o deseño e posta en marcha de campañas de concienciación dirixidas á cidadanía sobre a importancia deste tipo de actuacións. Unha iniciativa que vai da man da nova Lei de Residuos e Chans Contaminados, cuxo proxecto foi aprobado en maio do ano 2021 e ten por obxecto sentar os principios da economía circular, contribuír á loita contra o cambio climático e protexer o medio mariño. Neste sentido, a voceira do grupo do PSOE local destaca o papel pioneiro do concello de Carballo en diversas campañas de reciclaxe e asegura que neste eido pode seguir dando exemplo.
Vila Blanco di que desde a súa formación consideran conveniente abordar a xeración de residuos no consumo de café ao ser unha das bebidas máis populares do mundo e cuxa comercialización «sufriu notables cambios nos últimos anos coa introdución do sistema de cápsulas de plástico e de aluminio, envases na que a súa reciclaxe é complexa, de tal maneira que habitualmente acaban converténdose nun desperdicio non reciclable, cun elevado impacto ambiental».