O PSOE de Carballo solicita ao Concello adherirse ao programa VIOPET

1 minutes read
  • Trátase dun proxecto onde se acolle, de xeito temporal, aos animais de mulleres vítimas de violencia machista

O PSOE de Carballo presentou unha moción para o seu debate no mes de febreiro onde se solicita que o Concello se acolla ao proxecto VIOPET: un programa que acolle, de forma temporal, aos animais de mulleres vítimas de violencia machista. Esta iniciativa xorde da Dirección Xeral de Dereitos dos Animais e o Observatorio de Violencia Cara aos Animais no marco
do Plan de Continxencia contra a Violencia de Xénero ante a crise da COVID19, aprobado en Consello de Ministros o pasado 17 de marzo.

Durante o primeiro ano no que se puxo en marcha este programa deuse cobertura a máis de 300 mulleres vítimas de violencia machista e aos seus animais. Actualmente hai unha rede de máis de 800 casas de acollida repartidas por todo o Estado.

Os socialistas destacan que segundo un estudo do ano 2012, un 59% das mulleres maltratadas atrasaron deixar o fogar por medo a abandonar aos seus animais; polo que consideran necesario intervir de maneira colaborativa con Servizos Sociais, SIAD, SIE, SARA ou outras entidades que xestionen casos de violencia machista onde se detecten vítimas que conviven con animais.

Desde o PSOE carballés tamén solicitarán ao goberno local que realice accións para visibilizar o programa VIOPET entre os cidadáns e que se inclúan nos protocolos de actuación da área de Benestar Social/Servizos Sociais a toma en consideración dos casos nos que existisen animais a cargo das vítimas.