O PSOE de Carballo solicitará axudas bono-taxi para persoas con mobilidade reducida

María Carmen Vila Blanco_nhdiario

  • Os socialistas tamén levarán ao próximo pleno unha mellora nos parques e xardíns da localidade

O Grupo Municipal do Partido dos Socialistas de Galicia en Carballo levará ao próximo pleno dúas mocións coas que pretenden que o goberno local mellore as súas políticas sociais e relativas ao medio ambiente.

A primeira delas ten que ver cunha liña de axudas bono-taxi para todas as persoas que sofren de mobilidade reducida ou mesmo para as persoas maiores que se atopan illadas. Ademais, pedirán que nos vindeiros e sucesivos orzamentos se inclúa esa partida necesaria para estas axudas.

A través da súa voceira, María Carmen Vila Blanco, os socialistas poñen de manifesto a falta de adaptación, en moitos casos, dos medios de transporte colectivos públicos e privados no concello de Carballo, xa que se atopan con casos onde veciños con problemas de mobilidade se atopan en situación de exclusión.

Outra das mocións presentadas polo PSOE será a creación dun programa ou proxecto educativo onde se poñan en valor algúns parques e prazas de Carballo xa que, segundo os socialistas, son moitos os veciños que se queixan da falta de coidado e vixilancia dos mesmos.

Así, levarán ao pleno un programa vencellado aos diferentes colexios para que os alumnos colaboren e aprendan a coidar da súa contorna por exemplo, con campañas puntuais de plantación de árbores, arbustos ou outro tipo de plantas. Ademais, crearíase unha canle de comunicación para que o alumnado poida, a través do seu centro educativo, trasladar ao Concello incidencias que detecten durante o transcurso do programa.