O PSOE de Carballo solicitará un pleno extraordinario para tratar a obriga de peche da gasolineira da rúa Poñente

  • Reclaman que o Concello aclare se a cidadanía terá que asumir con fondos públicos a indemnización aos propietarios da gasolineira tras a anulación da licenza.

O PSOE de Carballo anunciou que solicitará a convocatoria urxente dun pleno extraordinario no Concello de Carballo, logo de coñecerse a resolución xudicial que ordena o peche da gasolineira situada na rúa Poñente.

A decisión, que pon fin ao procedemento aberto arredor desta instalación, terá consecuencias directas para o Concello.

Desde o PSOE de Carballo esíxese ao goberno local que dea explicacións públicas e que asuma as responsabilidades derivadas desta sentenza. A formación considera imprescindible que se coñezan con claridade os efectos legais, administrativos e económicos desta resolución para o Concello e para a veciñanza.

“É necesario que se esclarezan de inmediato as repercusións desta sentenza para o Concello e que se depuren responsabilidades”, afirmou María Carmen Vila, voceira do PSOE de Carballo, quen avanzou que nos vindeiros días presentarán a solicitude formal para a convocatoria do pleno extraordinario.

“O obxectivo do pleno que solicitamos é que o goberno municipal de Carballo dea explicacións públicas ante a cidadanía”, explicou a socialista.

A gasolineira, situada na rúa Poñente de Carballo, deberá cesar a súa actividade tras a decisión xudicial firme, o que reabre o debate sobre a xestión urbanística do executivo municipal e as súas consecuencias.

Related posts

Zas acolleu a presentación do libro “Que quede entre nós”

O Festival de Humor da Laracha regresará no mes de maio

A parroquia de Carballo cede un local á asociación Un Paso Máis para facilitar a súa actividade social