O PSOE de Corcubión expulsa ao PACOR do goberno

1 minutes read

Viña convulsa a actualidade política nos últimos días por Corcubión, e este luns chegou a pinga que colmou o vaso. O PSOE, formación de goberno co apoio do único edil do PACOR, emitiu un comunicado nas últimas horas no que anuncia a retirada da Concellería de Obras e Servizos a José Ramón Rojo. As desavinzas empezaron hai uns días cando Rojo, ata o de agora concelleiro de obras, non foi avisado para asistir a unha reunión de traballo coa alcadesa de Cee, Margarita Lamela, e o Xefe da Demarcación de Costas, Rafael Eimil. No seu lugar, e ante a ausencia do alcalde, participaron na reunión dous concelleiros socialistas de áreas que Rojo considera alleas ao principal tema que se tratou, a unión dos paseos marítimos de Cee e Corcubión.

Rojo considerou a representación do Concello unha usurpación das súas funcións, e así o anunciou publicamente nas últimas horas, pero a resposta chegou na tarde deste luns, cando o PSOE fixo pública a retirada da área de obras ao edil do PACOR.

Segundo os socialistas, «o alcalde Manuel Ínsua, apoiado polo resto de membros do grupo municipal socialista e a agrupación local, decidiu retirarlle as competencias delegadas a Rojo, pasando este concelleiro á oposición». Os socialistas entenden que Rojo ameazou publicamente cunha moción de censura, aínda que o concelleiro independente descartaba esa posibilidade na mañá deste luns.