O PSOE de Corcubión tilda de ‘excesiva’ a suba do IBI por parte do Goberno local

No último pleno celebrado en Corcubión o equipo de goberno decidiu levar unha modificación da ordenanza fiscal que regula o IBI Urbano para subilo do 0,445% ao 0,50%, o cal supón o 12,36% máis.

Esta subida do imposto, máis coñecido como a contribución, foi apoiada polo concelleiro de Sempre Corcubión, Alfredo González, ademais de polos membros do goberno do BNG, e supón «unha auténtica machada aos petos dos nosos veciños», afirman dende o PSOE local.

Os socialistas apuntan que foron capaces de gobernar durante 20 anos o Concello de Corcubión sen subir este imposto, e aínda así mellorar e incrementar os servizos públicos prestados ano tras ano, especialmente os servizos sociais, deixando, ademais, un remanente positivo de case 400.000 euros, principalmente, sendo prudentes no gasto.

«Os socialistas somos conscientes de que uns servizos públicos de calidade, coma os que deixamos nós en herdanza, requiren de recursos, e podemos entender que haxa que actualizar o imposto, pero unha subida de golpe do 12,36% parécenos excesiva».

«Unha vez máis vemos as incoherencias do BNG de Corcubión, que cando está na oposición di unhas cousas e cando lle toca gobernar fai o contrario, como pasou coas dedicacións, que votaba en contra de que os alcaldes socialistas puidesen ter un salario digno e agora eles apróbanse salarios moi superiores. En campaña o BNG dicía que «Corcubión merece máis»  pero nada dixo de que merecía máis impostos». Todo isto non fai máis que poñer en valor o traballo dos nosos alcaldes, Chisco e Lalo, durante os últimos 20 anos, conclúen os socialistas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha