O Grupo Municipal Socialista presentará un rogo no pleno deste xoves para que se instale a cabina, trasladando deste xeito as queixas recibidas por parte da veciñanza da parroquia.
A marquesiña, que tiña uns 40 anos, presentaba danos importantes e supuña un risco para a rapazada que a empregaba para resgardarse mentras esperaban o bus. A propia veciñanza reclamou que se cambiase, aconsellada polo Goberno Municipal. Porén, a nova segue sen ser colocada.
Para o voceiro socialista José Manuel Pérez Abelenda «é incompresible como, despois de tanto insistir a veciñanza para que se sustituira a marquesiña, tanto o concelleiro de Obras como o alcalde amosan tanta pasividade para repoñer o mobiliario que mandaron retirar e que agora non repoñen».
«Despois de 7 meses de que se retirara a marquesiña para sustituíla por unha en bo estado, a día de hoxe, a piques de rematar o curso escolar, a cativada segue sen ter onde abrigarse e teñen que estar dentro dos coches familiares ata que chega o bus», denuncia o portavoz socialista.
Continúa o socialista dicindo que «esta é unha mostra máis da inacción por parte do goberno municipal, o que é especialmente grave cando estamos a falar dunha marquesiña que é utilizada polo estudantado da zona para protexerse da choiva, do vento e doutras condicións climatolóxicas».
Pérez Abelenda apunta que «a retirada e a non substitución están a xerar preocupación e sorpresa, xa que esta decisión por parte do alcalde e concelleiro afecta negativamente ao benestar e seguridade dos más pequenos e pequenas».
«Dadas as queixas e o descontento por parte da veciñanza de Oca, o Grupo Socialista presentará un escrito neste pleno de maio para que o Concello solucione a situación e se instale a marquesiña coa maior brevidade posible», conclúe.