O PSOE de Coristanco denuncia o estado no que se atopa o local social da Abelenda, en Erbecedo

1 minutes read

O voceiro socialista no Concello de Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, visitou Erbecedo, polo que foi coñecedor de certas carencias que afectan á veciñanza do lugar.
Por un lado, seguen a demandar o arranxo da vía, a máis utilizada polos veciños do lugar para os seus desprazamentos xa que están moi próximos á estrada provincial DP-1914 (Carballo-Portomouro) e debido ás condicións nas que se atopa vense obrigados a seguir outros camiños alternativos.
Por outra banda, o núcleo da Abelenda conta cun local social, que foi acondicionado por parte do Concello xa fai uns anos para que os veciños do lugar tiveran un espazo para as súas reunións e actividades sociais.

Na actualidade, afirman os socialistas, estas instalacións presentan un deterioro importarte a causa das humidades que penetran no seu interior. Debido a entrada dunha vía de auga, as paredes deterioráronse e parte do teito derrubouse, así como o perigo polas condicións nas que se atopa unha parte da instalación eléctrica. O local carece dun aseo e o entorno está a ser invadido pola vexetación.

O PSOE afirma lamentar o descuido e a desidia por parte do Concello para manter en condicións mínimas de habitabilidade este local público; polo que os socialistas a través do seu voceiro, presentarán unha iniciativa no próximo pleno para que o Goberno do PP acometa as melloras necesarias para o arranxo das instalacións.